Que tal
de novo?
Hoxe imos seguir compartindo algo novo porque
eu sígome a sorprender das “reliquias” que atopo pola casa; esta vez foi a capa
de tuno que fora usada no festival de zarzuela e teño que dicir que está en
perfecto estado de conservación. Hai que valorar o traballo e agradecer ás nais
e familiares das participantes por facer de modistas e poñer todo o seu empeño
na elaboración das diversas vestimentas que se luciron no festival. Todo iso,
parece que non, pero foi grazas a cooperación e unión que había entre todas as persoas
envoltas neste proxecto.
A capa de tuno hoxe en día, recén lavadiña e lista para ser gardada no baúl dos recordos de novo. |
O festival de zarzuela foi idea do mestre
Prudencio Romo e foi preparado con moito tino e traballo intenso, non pensedes
que un espectáculo así se montou dunha hora para a outra. Na nosa banda non
había suficientes rapazas para cantar e facer coros, así que houbo que chamar a
unhas cantas que nada tiñan que ver coa nosa formación e as que aceptaron
tiveron que pasar con nós numerosas horas de ensaios. Tamén se tivo que improvisar unha orquesta de acompañamento e de cada corda foron só uns cantos
músicos ós cales acompañamos as dúas mulleres que non quixemos saber nada do tema de cantar; o espazo era reducido e non pudo tocar toda a banda por estar o
escenario totalmente ocupado.
O mestre Prudencio presentando o festival. |
Tamén hai que agradecer a cooperación de
Juanjo, quen era naqueles días o
cantante da orquesta “Gran Parada”, o cal cantou varias pezas tanto a dúo como
en solitario acompañado polo coro xeral.
Juanjo e coros |
A posta en escea foi finalmente o 27 de xuño
do ano 1980 despois de horas de ensaio e de moitos preparativos. Temos que
dicir que foi un exitazo porque o CCD estaba afastado de xente, iso pódese ver
nas numerosas fotos daquel día; ós da orquesta, o público case se nos botaban
enriba, estabamos cabeza con cabeza pouco menos!
A orquesta dirixida por Francisco Ces. |
Como xa dixen, as nais e familiares de todas
as rapazas tamén xogaron un papel vital porque alá entre bambalinas elas foron
as que axudaron no cambio de vestuario entre canción e canción…e tiñan que
andar polo aire nada menos!
Vaia esta homenaxe por aqueles días de groria que se vivían no Centro Cultural e Deportivo de
Taragoña e pola xente emprendedora que tanto fixo brilar a nosa parroquia.
Nestas fotos vedes ás rapazas lucindo as capas de tuno mentres cantaban "Estudiantina portuguesa".
Que tempos aqueles! Precisamente desde este blog queremos que se manteñan na memoria de todos. Grazas pola vosa visita!
Ata a próxima! Unha aperta a todos!
CH
No hay comentarios:
Publicar un comentario