Banda Infantil de Taragoña

BENVIDOS Ó BLOG DA BANDA DE MÚSICA INFANTIL DE TARAGOÑA! En primeiro lugar mandar un saúdo a todos os que un día formamos parte desta banda de música e un cariñoso recordo para os que tamén formaron parte de ela e desgraciadamente xa non se encontran entre nós.

Mediante este blog queremos reunir de novo á familia musical e a todas aquelas persoas que participaron no proxecto da súa creación e desenvolvemento. Queremos que sexa unha homenaxe a uns tempos de amistade, de unión e de traballo constante.

Esperamos que vos guste recordar con nós e que non nos esquezades no presente!



Recordo da festa do marisco, O Grove



Un saúdo de novo para os nosos seguidores!

Hoxe temos outro recordo inesperado para compartir. Quen non fai limpeza polos faiados ou sótanos de vez en cando ó longo da vida? Moitísima xente, sen dúbida! É un verdadeiro esforzo, agotador por certo, pero a parte positiva do asunto, ó meu parecer, é atopar cousas do pasado que xa un tiña totalmente esquecidas. 

Velaquí unha das sorpresas que atopei!
Nestas fotos que presentamos a continuación vedes 2 cazoliñas de barro que poñen “FESTA DO MARISCO O GROVE”. Este recordó xa foi compartido nos comentarios deste blog por unha servidora, así que como autora do comentario vouno copiar e compartir hoxe nesta entrada para que o vexades e leades se non o fixestes xa con anterioridade. Dicir que o perfil  do comentario que segue xa non existe porque o borrei hai un tempo.

Saúdos!
Comentar que tamén Ana viñera para a casa cun deses galos de Portugal que daban o tempo; este noso funcionaba coma un reloxio, azul cando estaba bo tempo e rosado cando viña chuvia, ¡xúrovos que non fallaba!
  Outro recordo que me veu á mente foi o de ir tocar á festa do marisco do Grove; lémbrome de traer para a casa cantidade de cazolas de barro que andivéramos a recoller por todas partes, limpáramolas o mellor que pudéramos pero aínda así o chófer non nolas deixara traer arriba e tivéramolas que meter na parte baixa do autobús e nós non queríamos por se rompían. Daquela non había medo de apañar un virus nin nada polo estilo; todo nos valía e despois de darlles un bo lavado na casa, usámolas ben de veces para os suculentos camaróns ó alliño.
Xa vos deixo por esta, ata a próxima aventura!




Detalle onde se ve claramente que di FESTA DO MARISCO O GROVE.

Hoxe tamén sabemos a data desta actuación tras o achazgo das follas onde figuran as datas das numerosas saídas da banda; se mirades no ano 1980 vedes que o 12 de outubro fomos tocar a O Grove.

Seguide a recordar con nós e, unha vez máis, grazas pola vosa visita!