Banda Infantil de Taragoña

BENVIDOS Ó BLOG DA BANDA DE MÚSICA INFANTIL DE TARAGOÑA! En primeiro lugar mandar un saúdo a todos os que un día formamos parte desta banda de música e un cariñoso recordo para os que tamén formaron parte de ela e desgraciadamente xa non se encontran entre nós.

Mediante este blog queremos reunir de novo á familia musical e a todas aquelas persoas que participaron no proxecto da súa creación e desenvolvemento. Queremos que sexa unha homenaxe a uns tempos de amistade, de unión e de traballo constante.

Esperamos que vos guste recordar con nós e que non nos esquezades no presente!



1977-2015



Hoxe queremos mencionar que é o 42º aniversario do Centro Cultural e Deportivo de Taragoña e dicir que este ano non houbo reunión musical e tampouco ninguna actividade nesta sociedade neste aniversario. Esperamos que nun futuro breve cambie un pouco a situación e podamos volver a disfrutar dalgún novo evento.

Para a banda infantil, foi un día como hoxe fai 38 anos que nos presentamos no CCD. Xa choveu, como dicimos por aquí. FORON BOS TEMPOS!




Un saúdo a todos os que nos seguides!

 Imos deixar un vídeo da nosa actuación do 8 de decembro do ano pasado tocando MARUXIÑA.
Disfrutade da música!






Os nosos comentarios e anécdotas

En Agosto do ano 2009 inaugurouse este blog; xa vai facer 6 anos e parece que foi onte. Atrévome a dicir que todos quedamos encantados de que xurdira esta idea porque dalgunha maneira volveunos a reunir a todos os compañeiros e permitiunos compartir moitos recordos, fotos e anécdotas.
Moitos visitantes do blog igual non tivestes ocasión de ler a sección de COMENTARIOS que se publicaron naquel ano 2009 así que estades invitados a botarlles un vistazo. Son comentarios sinxelos do que se nos ocurría e nos viña á cabeza. Xa sabedes! Se tendes ganas de ler un pouco e rirvos con algunha das nosas anécdotas, pinchade no enlace de abaixo.

http://bandainfantiltaragonha.blogspot.com.es/2009/08/comentario.html 

Grazas unha vez máis por visitar o noso blog!
Un sáudo a todos!

Covadonga

Un saúdo a todos!
Aquí vos deixo unha postal recordo da nosa visita a Covadonga (Asturias) do ano 1981, a segunda vez que fóramos actuar a Oviedo.



Espero que vos traia bos recordos!

Vídeos para recordar

Pinchade neste enlace:
Blog da Banda de música infantil de Taragoña: VÍDEOS:


 PROGRAMA TVE 300 MILLONES (1978) e  5 vídeos de PASARRÚAS NA GUADALUPE no ano 1990 con Sr. Manolo o Pinchudo como director da 2ª xeración de músicos.

Esta é unha entrada do ano 2009 que hoxe volvemos a compartir con todo vós.
Un saúdo!

De pobo en pobo



Ás veces teño por costume poñereme a remexer nalgún que outro caixón-xa volo comentei previamente- e como reza o dito “o que busca, atopa”.

Esta vez atopei un bo número de follas que o CCD nos entregaba a cada un nas que se reflexan moitas das nosas actuacións. Imaxino que tiña que haber papeis de todas as actuacións pero os que eu gardei teñen datas desde o 1981 ata o 1983. Se vos lembrades, a todos nos daban estas follas pero igual xa nin as conservades despois de tanto tempo.  Aínda que están escaneadas, non me parece prudente subilas a este blog por seren de carácter privado pero si imos facer un recorrido pola historia mencionando os sitios nomeados nesta follas polos que nos  movemos nos anos 1981, 1982. No 1983 xa son actuacións maiormente como orquesta e menos como banda de música.
Imos navegar un pouco polos anos 81 e 82, que vos parece?

Ano 1981
1 de maio, en Rianxo
9 de maio, en San Miguel de Deiro
18 de xuño, en Ribeira
24 de xuño, en Touro
26 de xuño, en Carballo
28 de xuño, en Leiro
4 de xullo, en Vilagarcía
6 de xullo, en Sobrado (Ourense)

Ano 1982
24 de xuño, en Crespos (Ourense)
26 de xuño, procesión en Asados
30 de xuño, en Moreiras (Ourense)
4 de xullo, Salcedo (Pontevedra)
10 de xullo, en Abanqueiro pola mañá e en Ventraces pola noite con Los Tamara
16 de xullo, en Corme
17 de xullo, en Arzúa
22 e 23 de xullo, en A Coruña acompañando a Los Tamara
24 de xullo, en Cerdedo
25 de xullo, en Padrón (Santiaguiño do Monte), actuación gala
30 de xullo, en Noia con Los Tamara
1 de agosto, en Araño
6  de agosto, en Taragoña
7 de agosto, Sayar (Caldas de Reis)
15 de agosto, en Caldas de Reis
16 de agosto, en Cuntis
17 de agosto, en Laxe
22 de agosto, en Mourente
23 de agosto, en Chantada
25 de agosto, en Sanxenxo
28 de agosto, en Luou
29 de agosto, en Lourenzá

Anímome a subir unha mostra destes arquivos para que vexades de onde saquei esta información pero non van aparecer os datos económicos para manter a privacidade.
Fixádevos no detalle de “bocadillos y refrescos”, hai que ver como nos mantían, coidadiño! Que non se diga que non pensaban en nós… con fame e sede a todas horas…a música tiraba polos estómagos, ou non?


Espero que este material vos traia bos recordos a todos. Unha aperta!

1982 Festival da Canción Galega


O día 28 de maio do ano 1982 celebrouse no colexio Alfonso Rodríguez Castelao de Rianxo o II festival da canción galega. Neste evento, un grupo de compoñentes da banda actuaron como unha pequena orquesta. No palco temos a:
Dolores e Charo, clarinetes
Valentín, Teresa, Aurora e Mª José, voces
Teresa e Aurora, flautas
Prudencio Jr., guitarra
Manolo, guitarra
Ana, teclados
Isabel, presentadora
 Aquí vos quedan estas fotos inéditas daquel día que recollen desde os momentos previos á actuación ata a saída do palco ó rematar.
Un saúdo!


En Luarca de paso

Esta postal atopeina noutro dos meus caixóns. É de Luarca (Asturias) e fixérame con ela  nunha parada de descanso neste pobo de camiño a Oviedo. Tamén me acordo de pasear perto do mar e de recoller unha pedra redonda moi feitiña na cal escribira a data e o nome deste pobo. A pedra non sei que sería dela pero, para a miña sorpresa, aínda gardo este outro "souvenir" que xa nin me lembraba onde a puxera.



 





Música no máis alá



Desde este blog queremos facer unha homenaxe de despedida a Manuel Lorenzo, coñecido por todos nós como Sr. Manolo “O Pinchudo”, quen dirixiu a banda infantil de Taragoña nos últimos anos da década dos 80 e que nos deixou o día de hoxe.
D.E.P.


1981, un día do entroido

 Estas fotos son en febreiro do 1981 no entroido. Aproveitando a roupa da tuna que fora usada no festival de zarzuela no verán do 1980, as rapazas da banda e dúas compañeiras que participaran no citado festival tiveron o humor de vestirse  para andar a cantar por Taragoña. Ata o campo de fútbol da Lomba chegaran mesmiño e alí sacaron a foto na que se ve o autobús.






Caixón "nostalxia"



No ano 2009, cando se inagurou este blog, penso que quedamos todos algo abraillados coa cantidade de fotos que ián aparecendo, das cales moitos de nós nin sequera tiñamos coñecemento que existisen. Navegar polo noso pasado foi un deleite para todos, sen dúbida. Foi tamén nese ano que se fixeron unha considerable cantidade de comentarios onde cada un foi contando impresións e algunas anécdotas graciosas, ou non tan graciosas, que nos pasaron naqueles anos.
Hoxe, a raíz destas fotos que publicamos, vou falar un pouco dalgunha destas anécdotas. Esta bandexa que vedes fóranos dada na primavera do 1978 despois da nosa actuación nunha fábrica de conserva da Ribeiriña (hoxe desaparecida) que se chamaba “La Onza de Oro”; dérannos unha a cada un de nós e viña cargada de latas de conserva variadas; un detalle moi singular e apreciado e inmensamente benvido en todos os nosos fogares!
A bandexa por detrás ten escrito o Hino Galego. Nós, nas actuacións daqueles tempos, acostumabamos a rematar sempre os concertos co Hino Galego; era como unha tradición ou especie de ritual… era así simplemente.
Eu xa levaba un tempo pensando onde estarían estas reliquias do pasado porque sabía que pola casa andaban…de feito xa o mencionara nun dos comentarios. Pois si que andaban…agachadiños no fondo do caixón que eu sospeitaba, chamémoslle o caixón nostalxia!


O Hino Galego en papel cartulina tamén viña na bandexa