Banda Infantil de Taragoña

BENVIDOS Ó BLOG DA BANDA DE MÚSICA INFANTIL DE TARAGOÑA! En primeiro lugar mandar un saúdo a todos os que un día formamos parte desta banda de música e un cariñoso recordo para os que tamén formaron parte de ela e desgraciadamente xa non se encontran entre nós.

Mediante este blog queremos reunir de novo á familia musical e a todas aquelas persoas que participaron no proxecto da súa creación e desenvolvemento. Queremos que sexa unha homenaxe a uns tempos de amistade, de unión e de traballo constante.

Esperamos que vos guste recordar con nós e que non nos esquezades no presente!



1981, un día do entroido

 Estas fotos son en febreiro do 1981 no entroido. Aproveitando a roupa da tuna que fora usada no festival de zarzuela no verán do 1980, as rapazas da banda e dúas compañeiras que participaran no citado festival tiveron o humor de vestirse  para andar a cantar por Taragoña. Ata o campo de fútbol da Lomba chegaran mesmiño e alí sacaron a foto na que se ve o autobús.






Caixón "nostalxia"



No ano 2009, cando se inagurou este blog, penso que quedamos todos algo abraillados coa cantidade de fotos que ián aparecendo, das cales moitos de nós nin sequera tiñamos coñecemento que existisen. Navegar polo noso pasado foi un deleite para todos, sen dúbida. Foi tamén nese ano que se fixeron unha considerable cantidade de comentarios onde cada un foi contando impresións e algunas anécdotas graciosas, ou non tan graciosas, que nos pasaron naqueles anos.
Hoxe, a raíz destas fotos que publicamos, vou falar un pouco dalgunha destas anécdotas. Esta bandexa que vedes fóranos dada na primavera do 1978 despois da nosa actuación nunha fábrica de conserva da Ribeiriña (hoxe desaparecida) que se chamaba “La Onza de Oro”; dérannos unha a cada un de nós e viña cargada de latas de conserva variadas; un detalle moi singular e apreciado e inmensamente benvido en todos os nosos fogares!
A bandexa por detrás ten escrito o Hino Galego. Nós, nas actuacións daqueles tempos, acostumabamos a rematar sempre os concertos co Hino Galego; era como unha tradición ou especie de ritual… era así simplemente.
Eu xa levaba un tempo pensando onde estarían estas reliquias do pasado porque sabía que pola casa andaban…de feito xa o mencionara nun dos comentarios. Pois si que andaban…agachadiños no fondo do caixón que eu sospeitaba, chamémoslle o caixón nostalxia!


O Hino Galego en papel cartulina tamén viña na bandexa